Poesía
para Festival Alén Galicia
[O “Festival Alén Galicia” desenvolveuse durante varios días de xullo do 97. Foi un pequeno “Woodstock”. Os Korosi Dansas tocamos unha tarde co mar da Arousa ao fondo. E eu recitei no chamado “Alén Creación”, un venres, o 4 de xullo, exactamente, xunto a Rafa Xaneiro, Manolo Cortés e Carlos Santiago. Sacaron un libriño cunha breve reseña biográfica e un poema, no meu caso, un poema inédito dedicado ao meu amigo Carlos Couceiro, por aquel entón ingresado no hospital, aínda con vida da que apalpamos. Aquí tedes o poema, a reseña aparece en Manuel]
…e din que teño dez minutos
dez… dez minutos
co silencio.
É cuestión de tempo, ser forte, non ter medo.
… e din que pronto estarás ben
para camiñar comigo
dez… dez minutos camiñando
na praia azul e amarelo que soñamos.
É cuestión de tempo, ser forte, non ter medo.
… que non lembraba eu,
que non lembraba
dez minutos… o pouco que son… dez minutos
que non lembraba
un amigo… ter un amigo
camiñando xuntos
soños en silencio.
É cuestión de tempo, ser forte, non ter medo.
Ti xa o sabes. Eu, espero.
Ao amigo
desmemoriado