Currículos "algo máis quentes"

[Currículo para un recital poético dentro do  "Festival Alén Galicia 97", na Illa de Arousa. Ver "Poesía para Festival Alén Galicia"]

Manuel Seixas: Vilagarcía, 1.961. Ocupacións: Amante da Filosofía en Vilanova. Amante da Música no pasado inesqueciblecos Korosi Dansas. Amante da música no presente fluínte con msNeuroband. Amante de Espe e Laura á beira do Río do Con. Amante fiel do Barça. Horóscopo: Xemelgos. O que é unha desculpa, tan boa coma outra calquera, para explicar as dobreces do que o meu xemelgo chama "poesía e semellantes".

1.996: Bo ano para o xemelgo escritor. Publica o libro de relatos "Viñeron do espacio interior" (Ed. Positivas) e a novela "A velocidade do frío" (Premio Xerais).

1999: A outra cara do xemelgo escritor, tenta reflexionar sobre o amor o futuro el ela e quen sabe qué coa súa segunda novela "Bailarina" (Eds. Xerais)

Opcións para ler ou escoitar a súa música-poesía:

a) Mercar ou pedir (mellor mercar) (en tendiña) algún dos CD´s de KD, a saber: "Cordura" ou, sobre todo, "Non!" ou, como non, de msNeuroband: "Microse". E, en fin, os meus tesouriños: "A velocidade do frío", e, sobre todo, "Presentimento"

b) Agardar a que se publique algún dos seus "dobres poemarios". Mentres tanto, podedes metervos no meu universiño poético con "Vestixios do verme" ou con "Diario de Ausencias" (se clicas podes baixar a versión pdf).

c) Quedar con el para tomar algo un día que non boten nada interesante na TV.

En todo caso, como el di: "A vida é moito máis importante cá poesía e semellantes", así que, ben, é unha frase tan boa como outra calquera, ¿non?

 


            Manuel Seixas (Vilagarcía, 1.961).-

            Nacín despois de moitos abortos. E ás veces noto a carga do meu propio.

            Son profesor de Filosofía no Instituto de Vilanova de Arousa. Alí deixo parte da miña vida, da miña cabeza e da miña saúde. Co pouco que me queda das tres cousas tento xuntar palabras, melodías e así, ás veces, renazo.

 Pódese dicir que tiven sorte, pequenos e grandes éxitos que pasan, pero deixan o sinal do compartido. Gañei o "Premio de Novela Curta Concello de Marín", no ano 1.994, e chamáronme por primeira vez "escritor". Logo chegou un libro de relatos, no que confiaron uns marabillosos seres "positivos": "Viñeron do espacio interior" (Eds. Positivas, 1.996). E o "Premio Xerais de Novela" con "A velocidade do frío" (Eds. Xerais, 1.996) e coñecín en Xerais a xente que admiro e aprecio de corazón. Publiquei con eles unha segunda novela: "Bailarina" (Eds. Xerais, 1.999). Sempre agradecerei os seus ánimos. Rematando o 99, un soño feito realidade, un poemario vivo: "Vestixios do verme" (Eds. Positivas, 1.999). E dous anos despois, no 2001, outro milagre máxico "Diario de Ausencias", unha intensa colaboración con Xurxo Romero, Santi Frutos e amebavisión. Hai algo de todos nós, e así o viron en Lisboa onde escoitar recitar en galego e portugués os meus poemas por estudiantes da Universidade da cidade branca foi do mellor que me ten pasado.

Como músico (o que creo que son, máis que ningunha outra cosa), esparexín os meus cachos en distintas formacións. O cacho máis grande está nos discos que parimos os "Korosi Dansas":"Cordura" (Man Records, 1.995) e "Non!" (Chorima, 1.996). Tamén están nunha loucura musical en solitario: "A velocidade do frío" (Xerais, 1.997). E tamén no 2001, saíu un cacho gordiño, o meu prezado tesouro, o meu segundo fillo solitario, pero realmente o primeiro en canto a cancións: "Presentimento", nunha editorial-nai: "Madame Mir", que tentamos levar adiante durante un tempo uns cantos atrevidos temerarios. Cando xa pensaba que os tempos da música en común e demais arredores remataran, chegou VK, un ex-alumno e a partir de ahí xurdeu un proxecto no que levamos tres anos, con enormes perdas (o adeus vital de Roberto), e enormes alegrías (manternos xuntos cando menos os sábados e non escenarios, ¡que gozada!); este proxecto comezou chamándose ManuelSeixasNeuroband, e aínda así aparece en carteis actuais, pero para o noso primeiro traballo: "Microse" (The Fungo Sound Factory, 2004), pasamos a ser msNeuroband.

Como amigo e colaborador, tiven a fortuna de ser chamado para falar e escribir do divino e o humano, se queredes podedes ver o currículo frío, onde está todo máis detallado. O único que quero dicir é gracias e ata outra.

Que a forza nos acompañe a tod@s.