O MILAGRE

E entón, da loita escura, da impotencia e a dor saíu unha nave máxica. O milagre. O milagre da vida digna. Vivín. Vivo. Vivo como nunca antes vivira, porque agora sei que aquilo non era vida, era vida enferma, patética, desasosego e ansia.

O milagre: recobrar a ilusión, construír un fogar quente para os tres, alá dentro.

Quererte ben, á fin, miña Esperanza, miña nena nas antípodas, meu lindo Stewie. Saber, poder querer. Saber, poder vivir. Gozar coa música, ensino, tele, praia, sofá. Gozar co excelso e o cotián, sinxelo, marabilloso, simplemente sen angustia, náusea, malestar, peso, inquedanza, ansiedade, medo.

Milagre: Decatarse de que un non era tan malo. Que ata podes ser boa persoa, bo compañeiro, bo amigo, bo pai, ou que cando menos podes tentalo con folgos e calma.

Traballar. Traballar convencido de que o teu traballo é esgotador e precioso.

Aprendín, tarde. Nacín hai catro días.

Perdón, perdón a toda a pobre xente á que fixen dano, á que tiven preocupada, coa que fun un miserable neno medorento e parvo.

Non sei canto durará este milagre laico. Non sei nada máis que agardar un novo día coa confianza linda de quen nada e todo espera.

Fun e son feliz estes catro, cinco días, catro, cinco anos dende a resurrección da mente.

Creo que ata fixen feliz a quen amo e a quen aprecio.

Nunca pensei que tería o atrevemento, tal vez insensato, de poder dicir todo isto.

Semella que agora si, agora comecei a ser un proxecto de home digno. E, neste momento, a morte física non é nada para min, senón remate con vitoria.

Só pido, humildemente (case nada), non sufrir nin facer sufrir máis, nin facerme sufrir máis. Algo de egoísmo sempre queda.

Só pido que se chega a morte sexa rápida e sen agonía.

Teño no meu saco de tesouros máis do que nunca imaxinara, teño unha auténtica e ben merecida vida. Teño a vitoria gloriosa sobre min mesmo, sobre o monstro, o pasado e os seus, meus pantasmas. Son tan rico, tan, tan rico!!

Lembrade, camaradas da noite negra, lembrade: ás veces ocorren milagres laicos e un gran “ Ooouuuuhhhh ” ensancha a túa cara sorprendida. Porque renaciches. Porque es libre de ti mesmo e dos teus demos feos. Porque hai esperanza. Si, camaradas, ata a derradeira pinga de pensamento, hai acción-reacción tanto tempo agardada. Hai Esperanza.

E os beizos compartiron a ledicia do saboroso sol que alumeaba un horizonte nunca antes visto. E as nenas e os nenos tristes saíron do seu cativeiro, saíron ás rúas cheas de luz e xogaron, xogaron como se non houbera un mañá, como se nunca chegara a noite que todo o cobre, que todo, menos os pesadelos, o para, o retarda, o agocha.

Grazas, grazas, grazas.

Non agardaba esta sorpresa, este regalo. Non agardaba que á fin a estrela de ouro alumeara a existencia. Sé feliz. Sede felices.

Eu, pola miña parte, dentro dun rato, verei algún deporte na televisión entre verdes arcos, agarimando ao noso querido gato, agarimando o tempo como se non pasara nada. Calma!!

“ Morrer non é malo, sufrir é malo ” .

Creo que cando era outro, agoniado e histérico, aínda así, no fondo, no fondo sempre estivo o anxo lindo da cordura inexacta, da paz sublime.

Grazas vida por esta oportunidade. Agardo non te decepcionar. Non vos decepcionar máis do xusto e necesario.

Amén.

Amén deste renacido que agora cre no paraíso nesta existencia.

Amén laico dende o paraíso feito illa esplendorosa.

 

Manuel Seixas.

(3-VII-do ano 4 despois de estar toda unha vida feito, facendo un cristo)