Creación Persoal- POESíA 2025ir arribair a portada inicio

 

 

XANEIRO

MARZO

ABRIL

 


 

ir arriba

O PARAUGAS

Teño un lindo lindo paraugas
Que me protexe de medos e ansias.
O problema é que o meu lindo lindo paraugas
Estrágase moi a miúdo e entón,
Entón entran por todo o meu corpo eléctrico
As miserias da miña propia conciencia
E o mundo acelérase e eu con el
Velocidade vertixe para por favor!
E os parámetros do sufrimento inútil
Medran ata un punto excelso
Onde non queda máis que loitar,
Camiñar, pelexar, ter paciencia.
Calma, moita calma.
Percorrín sendeiros incribles
Cheos de froita saborosa e diamantes límpidos
Percorrín o ben e o mal a saúde o benestar
A enfermidade a cruel existencia tola.

Só sei unha cousa, ou dúas talvez.
Sei que non debo baixar a garda,
Non debo esquecer, aínda que si esquecerme
E flotar feliz nun mar onde non hai
Malditas dúbidas e vivir co sol petando
Nos doentes ollos.

Vou gañar, pode que non, pero vou gañar
Atravesarei o limiar da conciencia
E un gorrión pousa sobre a miña man, quedo
E rápido ergue o voo e chega o gato pequeno
Pequerrecho doce quérote.
E o gato dorme e fai ruídos felices e eu quero inserir
A miña quente cabeza no seu infinito sono
E soño con non sentir un bo rato.
Pero a vida hai que afrontala,
Como veña, como queira que a entendas,
Como queira que sexa, noxo ou  delicia,
Como sexa,
A vida hai que vivila en si,
fuxir non é unha saída digna.
Así que aquí me tedes,
Esperto e glorioso desperdicio
Que busca brillantes entre o lixo.

Vivir ás veces é tan esgotador.
Mente, corpo,
Mente, ruído de fondo.

Apaga a radio das neuronas
E dorme o soño dos condenados
A priori perdidos e atopados
A posteriori perdidos e atopados.

Danzo no medio do deserto,
A danza eterna do lume e a auga.
Mergúllome no líquido sagrado,
Sangro alá dentro
E cauterizo feridas pouco a pouco
Pouco a pouco a vida esvaece ante os meus ollos.
Dáme unha tempada de vida fermosa,
Vida, que che costa!
Veña! Unha estación de paz e calma.
Un tesouro entre as mans,
A chave que pecha as miserias,
As paranoias, os tremores todos.

Eu sigo aquí,
Pelexando, pelexándome.

Sorte.

(9-I-25)

 

ir arriba


 

ir arriba

A LOITA

 

E dis que nada importa
Nin tan sequera ese segundo máxico,
Nada, baleiro de chumbo,
Bágoas e soidade.

Podería escribir os versos máis lindos da miña mente
Mais a dor cobre implacable
Todas as miñas pequenas illas de cor.
E o negro repousa en cada movemento,
E quere estoupar, e quere esvaecer,
Esta maldita negra nube que me acompaña
Por entre os labores dos homes e as mulleres
Por entre frío neve e quente suor.

Vomitaría as víboras que flotan alleas
Neste corpo furado pola metralla
Pola metralla da vida e a morte
Pola metralla do sufrimento inútil
Da eterna preocupación
Do padecemento ruín.

Chorarei despois.
Agora só quero crer, beato e demo
Que volverán os días preciosos
A me agarimar
A agarimar a todas e todos.

(29-III-25)

ir arriba

 


 

ir arriba

SAE O SOL

 

Unha morea de ovellas negras
claman en favor da hospitalidade honesta,
como un cúmulo de refuxios por cubrir,
unha lámpada de sal quente e brillante,
un horizonte alleo que saúda aos trens
e os pasaxeiros durmidos, aletargados,
ata que chega a fin da viaxe
e xa é demasiado tarde.
Escoita a sinfonía das ovellas,
e pensa sobriamente sobre o teu vestixio de vida,
e entenderás clara, perfectamente,
que fuches unha ovella toda a vida,
un gris viaxeiro no tren da ditadura emocional,
un grolo breve e silandeiro sobre ombros cansos.

Pensei que nada pasaría xa,
e decateime de que igual tiña moitos anos de vida por diante,
e xa vai sendo hora de deixar de ser ovella
e coller o tren da fortuna aínda que sexa unha vez non máis.

 

(8-IV-25)

 

ir arriba


 

ir arriba

HAI COUSAS

 

Hai cousas neste mundo alleo
que estragan os ollos e a alma.
Cousas como a guerra, a fame, a inxustiza, a dor,
que pululan no medio dos nosos corpos feridos,
dos nosos corazóns rotos.

Se a serpe repta lenta inexorable movemento
Os nenos ananos chorarán bágoas de cristal amargo

                        Talvez non existan os diaños,
                        no corpo enfermo sorrín.

Unha pequena oración para os perdidos,
perdidos entre ollos estraños,
bocas caladas ou que non paran de falar
                       
Metafísica inexplicable,
agarimo que empurra alto.

Hai demasiadas cousas estúpidas,
demasiado feroz consumo fronte á miseria,
a miseria máis fonda e aterradora.

Os nenos calvos extremadamente delgados
Extremadamente pobres, extremadamente condenados
Danzan á túa beira coas barrigas inchadas,
Pequenos corpos que son cousas que poden esvaecer sen máis

                        Desaparecer sen máis entre néboa
Néboa que vomita sangue inocente.

 

Pregúntome que cousas podería eu cambiar:
Loitando? Morrendo? Fuxindo? Carrexando?
As cousas infames adormecen a calma
e estoupan odio e noxo.
                        Noxento mundo de cousas
                        que nos matan.

Lentamente morro. Lentamente respiro.
Lentamente cuspo. Lentamente choro e
logo calo. Silencio insoportable.

                        E o mundo sofre impasible.

 

(29-IV-25)